miércoles, 13 de febrero de 2013

Malditos deberes!

Os deberes ou tarefas escolares ademais de crear hábitos de estudo deberían servir para reforzar e afianzar as aprendizaxes escolares, impulsar a capacidade de traballo autónomo e despertar a curiosidade polo coñecemento. Pola contra, en moitos casos crean fatiga e desmotivación e non poucas veces xeran conflitos familiares e estrés. O alumnado desmotivado, con ritmo lento ou  con dificultades de aprendizaxe non vai mellorar levando máis actividades para casa.

As tarefas escolares non deben:

Ser unha coartada do profesorado para rematar a lección do libro de texto. 


Ser actividades non traballadas con anterioridade na aula a non ser que sexan o punto de partida dunha investigación.

Crear frustración, ansiedade e desmotivación. 

Ser un castigo para o alumnado que non remata o traballo na aula.

Crear desigualdade, non todas as   familias lle poden dedicar o mesmo tempo a axudar nas tarefas escolares nin todas teñen por que ter a preparación necesaria.                                          

Deben:
Crear hábito de estudo e fomentar a autonomía.

Estar adaptadas a cada alumno/a, a súa maduración e ao seu estilo de aprendizaxe.

Sacar o mellor de cada un/ha, ofrecer a oportunidade de demostralo e lograr que as compañeiras e compañeiros aprendan. 

Reforzar as aprendizaxes da aula, ningún alumno ou alumna debería levar nunca unha tarefa que non saibar facer por si mesmo.

Servirse das actividades cotiás da familia como as listas de compra, etiquetas dos produtos almacenados na casa, vídeo ou película visionada, excursións, oficios e aficións das nais e pais...

Aproveitar as posibilidades que nos ofrece internet, aínda que son menos das que pensamos, as familias deben aproveitarse dos numerosos blogues de aula e actividades interactivas creadas por magníficos mestres  e mestras.


Respectar as festas e periodos vacacionais, as nenas e nenos tamén están esgotados e precisan desconectar.

En definitiva, que non se convirtan nunha pesadilla infantil!




Por último, desde a miña experiencia  como titora no 1º Ciclo de Primaria e despois de repetidas reunións coas familias  escoitando e aclarando dúbidas este é un pequeno resumo que espero sexa proveitoso:


  • Ofrecerlles un espazo e un tempo de estudo preferiblemente sempre o mesmo. As veces, unha cociña ben iluminada e recollida pode ser máis axeitada que unha "habitación" sobrecargada e chea de estímulos.
  • Que teñan  preparado o material de traballo  necesario  antes de comezar as tarefas.
  • Todo o que levan para a casa o saben facer. De non ser así, porque podo equivocarme e dar por feito que si o saben , que non o fagan e  por favor facédemo saber cunha anotación na propia ficha.
  • Non se enfaden, non berren, que o momento dos "deberes" non acabe sendo algo temido e odioso para os seus fillos e fillas.
  • Por regra xeral non levarán máis dunha ficha diaria e nunca deben estar máis de 45 minutos. 
  • A fin de semana levarán un poema que memorizarán e ilustrarán para recitar o luns na nosa aula ou nas outras. Axudádelle a recitar ou escoitade como o fan!
  • Comezar sempre polo que máis lle guste, despois o que menos e rematar coa tarefa que lle resulte máis agradable.
  • A lectura preferiblemente diaria debe ser un momento de pracer mutuo; que lles vexan ler, lean con eles en voz alta, que sexan eles os que lles lean, dramaticen  e se un día ou dous están esgotados ou  non teñen ganas non pasa nada...
* Ilustración de Berk Oztuk

2 comentarios:

  1. Non podo estar máis dacordo contigo Nélida. A filosofía dos deberes debera ser esa que ti expós e non a que temos "interiorizada" moitos mestres e mestras e as familias.
    Saúdos.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Grazas polo teu comentario Juan, alégrame que esteamos de acordo. A verdade é que como dis, temos "interiorizadas" demasiadas prácticas educativas (moitas veces penso que por comodidade) que están moi afastadas dos verdadeiros intereses do alumnado, das familias e da sociedade actual que demanda persoas máis creativas, que saiban traballar en equipo, cooperar e buscar solucións de maneira autónoma e os "deberes" na maioría dos casos pouco contribúen a isto.
      Saúdos.

      Eliminar